Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alta traizón

lunes, 15 de octubre de 2012
Alta traizn ¡Traizón, si, alta traizón a que lles fixemos aos nosos, sufridos, doridos, emigrantes, fosen de América, ou máis tarde da mesma Europa! ¿De qué serviu aquel esforzo, aquelas privacións, aquelas remesas en divisas, do que tiñan, pero tamén do que non tiñan, tan cruamente gañado, para que librásemos as vacas de cabana, os foros, os xuros dunha secular avaricia, os colexios doados, e tantas, e tantas atencións que deles, dos nosos emigrantes, recibiron seus irmáns, os morgados, e con eles, os fillos, e cos fillos, os netos? ¡Deben estar ollándonos con desprezo e con aborrecemento desde as súas alturas!

España, e particularmente Galicia, levantou cabeza no primeiro terzo do XX grazas á emigración; despois veu o eclipse da incivil, e con iso volvemos ao arado de pau; reaberta a emigración, as dúas, a de Occidente e tamén a do Norte, outra vez a exportar…, homes, mulleres, nenos! Volveron as remesas, tráxicas remesas, mans dadivosas e corazóns sangrantes da morriña, mais, para qué? Fagamos memoria, que doado é: para estuda-los fillos, os fillos e mailas fillas, para redimilos, para que chegasen a vivir de man branca, e con eles os netos; para merca-lo pisiño fuxindo da cachopa natal, pero…, fóisenos a man, e do singular pasamos ao plural, á especulación!

¿Formar cooperativas, fosen de produción ou de consumo? ¡Que vá; fiarnos do veciño…? ¡Non, nunca; non nos fiamos do veciño pero si o fixemos dos financeiros, deses especialistas en traslada-los nosos aforros para beneficio deles e das cidades con ímpeto industrial! ¿Mellorar a produtividade dos nosos predios, estudando carreiras técnicas e poñendo en práctica os coñecementos adquiridos? ¡Que vá; iso era de paletos, e nós valemos para opositar, para chegar a dirixentes! Certo é que algúns chegaron a iso, a esa meta, con moitos estudos e pouca reflexión, con algo de memoria e moito padriño; con pouco agradecemento aos resortes que os, que nós, elevaron, así que, con man branca, iso si, pero leváronos, uns levados e outros subidos, aos nubeiros da prodigalidade, do dispendio, do luxo…, das hipotecas impagables! Mais, como no pecado sempre vai a penitencia, agora resulta que os hipotecantes tamén resultaron hipotecados, rodeados dunha globalización financeira que nin deles se fían, con débedas semellantes a aquelas dos nosos avós, usura absoluta; pura, non, impura!

Aqueles avós, para elevarnos, traballaron no máis baixo, criados, criadas, lousadores, enterradores…, pero, nós? ¡Nós dotámonos de criados, criadas, servidores estranxeiros, así que agora as divisas vanse na dirección contraria: en vez de entrar, saen!

¡Somos inocentes; foron eles, foron os políticos, que nos levaron por mal camiño! ¿Ai, si; e logo de qué vos serviron os estudos, esa medio democracia que tedes, que temos, se tanto vos deixades, nos deixamos, engaiolar? Non se trata de predicar anarquía, ¡Deus me libre de tal!, senón de arrima-lo lombo para mellor producir, para mellor administrar, e de paso, para esixir que nos administren mellor; que nos administren nin máis nin menos que como o fan para si mesmos, pois demostrado está que o saben facer!

¡Dixen; pero non vai servir de nada, pois o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra!

Día da Hispanidade, 2012
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES