Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Antroido en Vilalba

lunes, 20 de febrero de 2012
O Santo Antroido dicían os nosos devanceiros, e teño noticia de que hai anos en Vilalba era cumpridamente celebrado.

As miñas premeiras referencias son de hai máis de medio século. Quizáis ano 1948. Non é que eu me lembre, pero miña nai tenme contado innumerables ocasións aquel ano que, chegados dunha feita, eu tería un ano ou dous, foron meu pai e máis ela comigo á carretera que entón era o único lugar posible de celebración e o máis céntrico, e estaba a carretera ateigada de máscaras cos máis difíciles traballos, coa máis laboriosa confección.

So lembro dúas que deberon quedárselle fixadas na memoria... Un traxe – non sei se de home ou de muller, composto por cáscaras de ovo valeiras e traballosamente ensartadas, e outro de grans de millo que co procedemento de atravesalos con agulla e fío formaban sonoros fráxiles e vistosos envoltorios da ilusión dun martes de antroido.

Veume á lembranza o tema porque o concello de Vilalba pretende que os disfraces de antroido deste ano teñan a brillantez precisa e institúe premios para outorgar ás mellores comparsas ou disfraces indivuais.

É magoa que hoxe en día haxa que primar todo para que se participe en algo que antes era o máis natural. Pero así son os tempos, e hoxe para que canten os eixes hai que engrasalos.

O que non me explico é como os antroidos de finais dos anos corenta eran así de brilantes en Vilalba cando se supón que despois da guerra esmoreceron totalmente por aquelo de que non se podía ir coa cara cuberta, en evitación de “maiores males”. Que quizáis todo concorda, e estes antroidos que miña nai me contaba eran vistosos en vestuarios, pero as caras ían descubertas.

Xa facía falla humor, de tódolos xeitos, para tentar pasalo ben daquela en que case todo escaseaba, en que se acababa de sair dunha guerra tremenda aínda aquí na retagarda, pero seguro que o espírito que animaba ós vilalbeses era máis vital, máis colectivo, máis ledo ca o de hoxe.

Sexa como fose, dispoñámonos a ser antroideiros e a vivir como merecen unhas festas moito máis que milenarias e onde todo se invirte, tódolos valores se trocan, e o que manda é a vida do revés.

Eu teño que recoñecer unha querencia especial por estas festas. A fin de contas nacín un luns de antroido e cabe supoñer que estas festas imprimen carácter e eu son – sin pretendelo- un antroideiro nato, aínda que só sexa de xeito contemplativo.

Coa autoridade que me da esta querencia, casi esencia, de amante do antroido desexo a todos unhas felices festas participativas e que o Antroido de Vilalba volva a ser unha ocasión para que o pobo estoupe de ledicia e liberdade.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES