Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cidade de vellos

viernes, 10 de febrero de 2012
Hai un par de meses comentáronme a posibilidade de que se fixese en Guitiriz unha “cidade de vellos”, un conxunto residencial para arredor de dúas mil persoas, que se ía construir en terreos daquel concello limítrofes co de Curtis, na parroquia de Santa Mariña de Lagostelle.

Foi Alfonso Blanco – crego e activista cultural- quen mo comentou, falándome do proxecto “Cidade Verde”, que podería transformar o concello de Guitiriz, dándolle un novo impulso e nova vida, como outrora tivo cos “auguistas”, os que viñan tomar as augas dos balnearios –o de Guitiriz e o de Pardiñas- que desenvolveron unha importante industria turística, que hoxe ten desaparecido, a escala de pequena industria popular.

A idea é dunha empresa madrileña que quere construir un numeroso grupo de vivendas para facer unha tranquila urbanización de xente maior, en case dous millóns de metros cadrados que son propiedade da comunidade de montes de Santa Mariña de Lagostelle.

Comprende a iniciativa unha residencia de anciáns, máis 900 unidades familiares, como vivendas independentes, tendo todos os servicios necesarios para que se trate dunha comunidade autónoma, sen dependencia do exterior, con centro de saúde, farmacia, comedor, hotel, auditorio, salóns de baile, restaurante, panadería, igrexa...

Agora que o proxecto comeza a coñecerse empezan os comentarios e mesmo as discusións políticas, pero o certo e que “viría Deus a ver a Guitiriz”, de acordo coa tradicional terminoloxía para falar das cuestións ventaxosas, se se constrúe no seu termo unha instalación así que pretende atraer persoas de toda España, especialmente de zonas como Madrid e Castela en xeral que gostan dun clima coma o noso, en zona tan ben comunicada co centro da Península e con toda Galicia, e que vai estar dotada de todas as comodidades.

Que o tema interesa económica e socialmente a Guitiriz, está meridianamente claro, e interesa asi mesmo a toda a comarca da Terra Chá a concentración dun par de milleiros de persoas que consuman, viaxen, residan no noso territorio e dean vida a unha zona nunca sobrada de iniciativas.

Por outra parte, hai que ter en conta o envellecemento da nosa poboación, con numerosas persoas cun interesante nivel económico, que poden atopar nesta iniciativa un lugar tranquilo, “un país para vellos”, no que residir, ter actividades, vivir... e recibir visitas e relacionarse cos seus e con toda a comarca.

A perspectiva parece bastante mellor que a dunha residencia de anciáns tradicional, especialmente para persoas que queren vivir en comunidade, matrimonios con ou sen fillos, que queren fuxir da vida das cidades sen arredarse totalmente da civilización... En fin, que parece unha solución novedosa, xeitosa, para moita xente maior que non se sente de todo a gusto nas despersonalizadas cidades nas que vivimos.

A min paréceme unha noticia excelente para Guitiriz e para toda a Terra Chá se, como parece, se consolida o proxecto e Guitiriz pasa a ter de dous a tres importantes núcleos de poboación: a capital do concello, a pobra de Parga, e a Cidade Verde, que sona a proxecto futurista, xuliovernesco case, que vai dar moito que falar e agardemos que se consolide.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES