Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desigualdades disparadas

lunes, 06 de mayo de 2024
Nun recente informe do seu clásico sobre desenvolvemento humano do PNUD (Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento) alértase do agravamento das desigualdades e da polarización política a nivel mundial. O Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) mundial é una medida resumida que reflicte categorías como o Ingreso Nacional Bruto per cápita, a educación e a esperanza de vida dun país. En substancia, o que nos di o informe é que o IDH progresa nos países ricos mentres retrocede nos países máis pobres.
Desigualdades disparadas
En 2023, os 38 países membros da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) acadaron puntuacións de IDH máis altas en comparanza cos seus niveis prepandémicos en 2019. Como era de esperar, Suíza, Noruega e Islandia encabezan o informe da OCDE. Na parte inferior están Somalia, Sudán do Sur e República Centroafricana.

Estas desigualdades globais vense fortemente agravadas pola importante concentración económica. Segundo indica o informe, case o 40% do comercio mundial de mercadorías concéntrase en tres ou menos países; e en 2021, a capitalización bursátil de cada unha das tres empresas tecnolóxicas máis grandes do mundo superou o Produto Interior Bruto (PIB) de máis do 90% dos países ese ano.

A fenda, pois, vaise agrandando, en contraste coa evolución de décadas anteriores, repercutindo no incremento da pobreza e na cronificación do subdesenvolvemento pero igualmente na inestabilidade interna nos países máis afectados e igualmente cuestiona a idoneidade das políticas de cooperación internacional aplicadas ata o momento. A pesar de que as nosas sociedades están profundamente interconectadas a nivel global, os mecanismos de nivelación son insuficientes e requerirían unha ambiciosa actualización que non semella estar na axenda. Ao contrario.

Dunha banda, no fracaso do modelo económico imperante para responder ás necesidades vitais das maiorías sociais sorprende a incapacidade para acometer unha elemental autocrítica que contribúa a reverter as tendencias máis negativas. O "rostro humano" do sistema pasa cada día a mellor vida e as desigualdades semellan un "fenómeno" co que simplemente debemos resignarnos a convivir sen esperanza de solución.

Por outra, a erosión da confianza nas institucións e nos modelos sistémicos para encarar esta situación alenta o auxe das tendencias que promoven as falsas solucións ligadas á extrema dereita ou de corte populista. Mentres, as opcións progresistas, sen alternativa aparente, asisten impotentes a unha evolución a cada paso mais desestabilizadora e arriscada.

En opinión de Achim Steiner, administrador do PNUD, este bloqueo ten un custo humano importante. “O fracaso da acción colectiva para avanzar na loita contra o cambio climático, a dixitalización ou a pobreza e a desigualdade non só dificulta o desenvolvemento humano, senón que agrava a polarización e erosiona aínda máis a confianza nas persoas e institucións de todo o mundo”, asegura.

Segundo os autores do Informe, unha crecente sensación de impotencia está a alimentar os enfoques políticos internos dos países a cada paso menos comprometidos cos avances sociais efectivos. Por outra banda, esa dinámica estaría en clara contradición co fomento da cooperación global necesaria para abordar problemas urxentes como a descarbonización das nosas economías, o mal uso das tecnoloxías dixitais e o atallamento dos conflitos.

Reducir a polarización política mediante novos enfoques de gobernanza centrados en potenciar a voz dos cidadáns nas deliberacións e unha participación de maior alcance na toma de decisións esixiría poñer sobre a mesa unha axenda democrática que hoxe semella blindada. Son maiores as posibilidades de que as propostas de corte autoritario gañen terreo.

Neste contexto, o PNUD reclama unha nova xeración de bens públicos globais e propón catro ámbitos de actuación urxente: a estabilidade climática, o dixital, o financeiro e o político. Igualmente, fronte ao proteccionismo á alza, destaca a importante función do multilateralismo, insubstituible como plataforma para establecer consensos e accións que precisamente revertan as actuais tendencias isolacionistas.

A persistencia e agravamento das desigualdades alerta dos límites e contradicións nos enfoques adoptados tanto a nivel de cada país como global para responder ás incertezas de todo tipo que marcan o presente. Pero todo indica que en lugar de trascender esas preocupacións con políticas democráticas ambiciosas, o rumbo imperante apunta a unha senda de endurecemento interno e un agravamento das tensións globais de todo tipo, con reiteración de conflitos de orde comercial e tecnolóxica que poden aínda provocar unha fenda global. De ser o caso, mesmo bélica e a maior escala.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES