Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Exposición: As cores da memoria. O retrato como dignificación

jueves, 30 de marzo de 2023
Este é o nome da exposición que neste momento permanece no Centro Socio Cultural Maruxa e Coralia da Cidade Vella de Compostela. Pinturas contra a desmemoria, así a definen.

Na presentación fálase de que partindo de dezanove fotografías, en branco e negro, de homes e mulleres represaliadas pola ditadura fascista, se realizan os retratos ao óleo sobre tela. Retratos que se enriquecen cunha aproximación social e psicolóxica de cada unha das figuras, razón pola que sería de moito interese un encontro co autor (ou coas tres persoas que traballaron no proxecto), pois semella que dende a escolla da cor (azul ultramar, verde oliva...) ata os fondos ou os obxectos que os acompañan forman parte da documentación e o interese por dignificalos.

Semella que a idea nace dunhas Xornadas Homenaxe ás vítimas da ditadura realizadas en Teo en 2012, nas que a figura central era Constante Liste Forján. Xustamente, son varios Liste os retratados e na cartela de Eduardo Liste pode lerse: "Vítima da estigmatización social nun apelido".

Alfonso Martínez López, un licenciado en Belas Artes e profesor de Secundaria, é o artista que plasma os retratos destas mulleres e homes galegos: sindicalistas, socialistas, comunistas, anarquistas e cidadáns libres. Os óleos son imprimados en óxido de ferro para engadir dureza e tensión ao lenzo. O resultado: unha emoción contida.

A presenza das cores da república é un sinal máis de memoria, que acompaña a estes homes e mulleres que creron nun mundo mellor e foron castigados da forma máis cruel. E aínda máis, foron sometidos á desmemoria, ao esquecemento, para que nunca máis, ninguén puidera soñar os mesmos soños de liberación social.

Cando entras na sala sabes que pasa algo, aínda antes de aproximarse a ver de que se trata... Hai cousas que a intuición detecta e aí hai unha honestidade que grita a berros pedindo xustiza. É moi de agradecer este traballo, tamén el merece recoñecemento, sobre todo se observamos outras obras que están aparecendo pola cidade e que en lugar de devolver a dignidade semellan vulgarizar personaxes que só poden merecer respecto. Non se debe obrigar a herdar mal gusto ou tratamento indebido, certamente a cidadanía é quen de asimilar igual que a natureza que absorbe os metálicos das camas ou os accesorios do cuarto de baño, pero non deberiamos cargar sobre ela esa responsabilidade. Hai un modelo ao que mirar "A porta dos honorables" (situada na Campa dos Ingleses, ao lado Guggenheim), a escultura de Casto Solano é un monumento ao político socialista Ramón Rubial, no que se mostra esa honorabilidade, onde se dignifica a un home que o merece. Eu pediría que, antes de facer ningunha escultura a un ilustre, se mire esa e non se pase por menos, porque estou segura de que a intención é boa, de que o que queremos é dignificar. Tal como fai Alfonso Martínez López na exposición "As cores da memoria".
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES