Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando as mulleres escriben...

jueves, 26 de enero de 2023
Cando as mulleres escriben afloran temas que non foran tratados anteriormente. Aparece o corpo da muller visto dende dentro, sentido dende as células, coas moléculas latexando e os corpos dentro do corpo.

O embigo que nos uniu á nave "nodriza" no océano interior. Os proxectos de Cando as mulleres escriben...descendencia que deron en aborto. As fillas, os fillos que maman da nai mamífero, pel con pel, leite que atravesa a Vía Láctea e se derrama en gotas, como a chuvia nos cristais, a modo de bágoas.

Daquela, cando as mulleres escriben, podes atopar libros como Ben sabe o mar que posúo o botín dos piratas de Luz Campelo, esa muller que ri na cuberta do libro aínda cando o seu peito é unha cicatriz que fala dese cangrexo que é cancro... tal vez porque seguindo a Pilar Pallarés "O meu ser animal non teme ao inverno" e porque a dor forxa o espírito, en verbas de Concepción Arenal que ela recolle no limiar.

Dun eu fragmentado e de naufraxios, de sentimentos oceánicos. Só co primeiro poema "O meu corpo é un memorial" xa vale a pena o libro, porque esa definición prolongada se fai descrición dun mundo en guerra dende o principio dos tempos pero vivida en carne propia, no corpo violentado que é campo de batallas, territorio ocupado, non lugar, conflito armado... E "e nun último intento antes de que me devoren os medos / antes de que os ciclopes craven o tridente de Poseidón no meu peito" voará como esfinxe ceibe porque agora é sabedora do seu segredo e do valor que se concede.

Dialoga a poeta coa nai e coa palabra. Fala da dor da perda e do sangrado polas pedras, da lingua de glaciar prehistórico debaixo do que aniña un bosque atlántico e todas as arpas oceánicas; fala da escasa marxe de futuro que queda e como arreda cos cóbados a morte; fala da busca das antigas palabras que esnaquicen o bosque do silencio, que derruben as murallas ou que atopen o reloxo inverso. A valentía fronte á enfermidade e o desamor, sempre traxedia por moi cotián que se presente. Mirar á cara do tempo longo, o que vai máis alá dos países ata tocar nos primeiros animais, nas miradas orixinarias sobre o planeta e a orixe da vida, volver ao principio cando semella pecharse o círculo.

As palabras fanse oráculos cando falan do tempo das amputacións ou da ganancia da derrota, van máis alá do corpo propio para asumir a natureza toda, a terra enteira que hai que defender porque o desastre é total e a autora recollerá deuses e heroes, deusas e ilustres, mitos e nomes para a oración que é loita.

Canta valentía hai nese naufraxio, do que -como lectoras- agardamos salvar tripulante e nave!

Canta autenticidade nesa escrita e canta alegría nas imaxes que nos golpean o diafragma, unha e outra vez, golpes na porta do templo.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES