Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O anfiteatro do campus de Lugo

lunes, 20 de abril de 2015
É un dos lugares emblemáticos da nosa cidade. Unha construcción salientable nunha zona privilexiada onde a vista esvara cara o Miño.
Anfiteatro, ‘o lugar desde onde se mira’ que dicían os gregos. A construcción semicircular elévase en forma de aneis constituidos polas gradas destinadas aos espectadores. Unha fermosa pérgola cuberta, na parte superior, serve de fondo ao conxunto.

Sen moito esforzo podemos imaxinar a universitarios sentados nas gradas. Falan e discuten de arte, economía, didáctica, historia das Españas, enfermidades dos cans, harmonía, fotografía, alimentación das vacas, literatura galega, pedagoxía, física, todas esas conquistas que se fan na Universidade co cerebro humano.

E como non todo vai ser estudiar tamén tocan a guitarra en grupo, discuten de política local e globalización, dedícanse con entusiasmo á química do amor, escoitan música. Critican aos profesores e falan mal dos políticos.

Algúns ousados, cando fan planes de futuro sempre tropezan co prezo dos pisos, os traballos e os soldos de merda. Vense a si mesmos como emigrantes noutras zonas da península ou do continente. Lugo exporta gratis cerebros que tantísimo costou amoblar.

O arquitecto pechou os ollos cando rematou os planos do anfiteatro do Campus. Viu alí unha morea de actos onde universitarios e non universitarios poderían asistir a concertos de grandes ídolos como Fito, Bruce Springsteen ou Wolfgang Amadeus Mozart, representacións de teatro ao aire libre, mitins políticos abertos a todos, conferencias. En fin, esas cousas que sempre representaron os anfiteatros romanos, os teatros gregos. Por un intre, e cos ollos pechados, sorrí imaxinando combates de gladiadores e feras.

Pero o que nunca, nunca, nunca puido imaxinar foi a destrucción masiva, contundente e sistemática dunha construción carísima. Xamais pensou que os idiotas do esprai gañarían outra batalla máis aos gobernantes. Xamais lle pasou polos miolos que as nosas policías non foran quen de frear a unhas ducias de fregueses de San Vandalismo que gozan destruíndo o patrimonio de todos. Xamais caeu una conta de que a sociedade luguesa viviría de costas á súa riquísima herdanza.

Que agreden a muralla cada fin de semana? Certo, pero grelos como en Lugo! Que o parque de Rosalía exiliou coa súa sementeira de cristais rotos os xogos dos máis pequenos e os paseos cos bebés? Xa, pero que aire temos en Lugo! Que a pérgola do parque foi enmerdada nada máis ser rehabilitada? Vale, pero para comer, Lugo! Que no Botellón Infame da Carballeira agredirán outra vez esa xoia ecolóxica da cidade? E qué lle imos facer… todos fumos novos e se mexan por nós diremos que chove!

Estas liñas son unha invitación aos lugueses e luguesas para que visiten o anfiteatro do campus universitario e choren de rabia. Gradas pintadas e muros enzoufados. Pedras de granito arrincadas e rebentadas. Na ‘area’ do escenario as fogatas escacharon as lousas. No lugar dos actores xogan adolescentes con patíns. As columnas da pérgola tamén teñen pintadas. E sempre hai tres ou catro coches aparcados onde xamais deberían estar. Uns tipos con gorrilla fan novas pintadas mentres beben cervexa e estoupan as botellas contra as gradas. Na impunidade dun día calquera.

Como na vella Grecia? Como na antiga Roma? No anfiteatro do Campus Universitario de Lugo.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES