Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Angelitos negros

viernes, 24 de octubre de 2014
O negro de pel negra quedou atrapado como un paxaro nos arames de espiño do valado de Melilla. E xamais escoitou a Antonio Machín preguntar a ninguén por que non pinta anxos negros. Se as cruces foran de ferro galvanizado poderiase decir que o negro foi crucificado.

Colgado a catro metros sobre o chan contempla o paraíso da cidade europea que está en África ao alcance duns dedos que xamais poderán acariñalo.

Pensa agora que naceu no lado equivocado do mapa e que a invitación a sentarse á mesa farturenta que albiscou pola pantalla da televisión era un sono mentireiro.

Diante está o paraíso, detrás queda o inferno: a esperanza desesperanzada da familia no éxito da súa aventura, o deserto asasino implacable de homes e animales que avanza cara o sur e acabou por expulsalo da aldea de Níger cara ó norte. Pensa nas enfermidades da súa xente, que ata perderon o nome como se fora a vontade dalgún deus sombrío.

Nin lle quedan forzas para blasfemar, que se forzas lle quedaran preguntaría como os deuses poden ser tan canallas como para petar sempre no lombos dos empobrecidos.

Acórdase agora da casa e dos pais. Intenta atopar unha luceciña de futuro nos ollos grandes da súa muller, onde a aniña dozura e a esperanza e colle toda a tristura do mundo.

E acórdase dos nenos e nenas de bandullo enorme que foi atopando polo camiño, onde comen a cotío os vermes da fame.

Acórdase dos animais derrotados pola seca e, por un intre, xogan no seu nariz os olores da casa, da súa casa.

E por iso, un día, coa mochila ateigada dun pouco de esperanza e dun moito de vergoña saíu andando cara ó norte onde din que viven persoas tan preocupadas polo futuro que non teñen tempo de vivir o presente.
Colgado no arame de espiño percátase de que o sangue que lle pinga das mans é de cor vermella, como todas. E que o aire e o sol non está parcelado por ningunha frontera. E que deles, dos inmigrantes, dos pobriños de Deus, dos expulsados da terra, tiñan que ser todas as patrias.

Escoitou aos compañeiros, nas noites de lume e de estrelas que, ao parecer, o mundo ten tres patas, Europa, Estados Unidos e China-Xapón. E África? Africa non existe. As fronteiras que lles impiden saír de Marrocos xamais existiron para as madeiras máis nobles e os cartos máis sucios, para o café a as froitas tropicais, para o petróleo e os fosfatos, para o ouro e os diamantes que pagan armas, corrupcións e alimentan guerras idiotas e interminables.

E tivo tempo de ler, mentres esperaba a oportunidade de saltar o valado que protexe o paraíso, que en tres séculos de trata de escravos uns dez millóns de homes e mulleres fortes e novos, foron arrincados da terra e vendidos polas civilizadas potencias europeas. Leu que para conseguir un escravo había que contar xeralmente con dez mortos nas guerras tribais e nos traslados: iso significa cen millóns de homes e mulleres destruídos: xamais coñeceu o mundo un xenocidio semellante. E foi cometido por Occidente, o dono do paraíso.

Agora, mentres espera que alguén lle rescate da cruz de arame, ri con ganas. Imaxina que o proceso tivera sido ao revés: europeos en taparrabos e unha Africa farturenta protexida cun valado da desesperación e da fame das xentes de pel pálida. Serían capaces, eles, africanos da negritude e da hospitalidade lexendaria, de tanta crueldade, de tanta falta de piedade?

Sinte que co sangue se lle escapa a luz dos ollos e adormece coa imaxe das zapatillas, chaquetas e roupa sucia pendurada neste tendedeiro dos derrotados.

Non, xamais escoitou a canción de Machín. Pero nunca esquecerá nos seus soños a música mamada nos peitos da nai e os ritmos de quentura e maxia que lle habitan por dentro. Fóra dos soños non lle queda nada. E a nada, manda carallo, é de cor negra.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES