Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O dioivo da corrupción

jueves, 27 de febrero de 2014
Para comezar, permítanme que lles recorde aquilo que dixo Hans Jonas, a propósito dos que non teñen outra saída que botar man do termo “agoireiro”, cando os advirten de que algo están facendo mal. Aconsella este sociólogo aos habitantes da “era da incerteza” que se fíen máis das sombrías premonicións dos “agoireiros” que das palabras tranquilizadoras dos promotores da nova e feliz vida de consumo.

Seguramente aquí habería que adaptar estas palabras e dicirlles aos políticos que vaian pensando en abandonar as actitudes indolentes e empecen a por remedio ós seus desleixamentos, porque os cidadáns están moi preocupados, crispados e decepcionados.

Razóns non lles faltan: Cada mañá que se abre o xornal, as súas páxinas ofrécenlles novos casos de presuntas corrupcións. E curiosamente, cando algúns se apean dos coches oficias, en vez de recenderlles, fédenlles. E como eles non son parvos, dubidan incluso dos moitos que quedan ocultos, porque tampouco descoñecen a complexidade coa que se encontran os Tribunais para imputalos e condenalos.

España está sendo levada a un desasosego civil, no interior, e a un irónico descrédito (por solapado e, diplomaticamente, soterrado) , no exterior, que, antes ou despois, deixaranse sentir no concerto mundial e na necesaria estabilidade interna.

A insensibilidade e a indolencia dos políticos para responder en consecuencia, sumada aos hábitos inducidos no pobo polo caciquismo doutras épocas, parece que aínda non superado, están producindo preocupantes estragos na sociedade.

Pero un ambiente de corrupción diluvial soe traer consecuencias importantes, precisamente cando se xera nas persoas afectadas pola imputabilidade un empeño de recuperar a dignidade, posta, xusta ou inxustamente, en cuestión. E como é lóxico, este afán por recuperar o prestixio tradúcese nun esforzo de hipócrita exemplaridade.

Sen embargo, a cousa non se presenta tan sinxela, porque cando a exemplaridade hai que creala e non é algo consubstancial coa persoa, xurde a ficción, posto que o home verdadeiramente exemplar non se propón selo, mentres que o falso, que non ten un propósito real de perfección, o único que lle interesa é producir un efecto social, e para acadalo non repara en medios.

Este estrema as esixencias nas súas funcións socio-políticas, con maneiras de actuar calculadas e sempre aplicadas ós cidadáns máis débiles; pero aínda así queda ao descuberto coas súas ficcións de legalidade, porque non é fecundo, só quere aparentalo, e xustamente por isto devén inmoral, con independencia de que sexa correctamente imputado ou non, arrastrando aos cidadáns a manter actitudes de desconfianza xeneralizada.

A ficción de exemplaridade comporta actitudes vacilantes e leva á persoa que a utiliza a converterse en espectadora de si mesma, algo moi paradoxal nun sistema democrático, no que a consideración para os semellantes debe primar: As obrigacións xeneralizadas e sen privilexios esixen correlativos dereitos, e os políticos encargados de vixiar esta correlación nunca poden estar exentos das responsabilidades inherentes aos seus servizos.

Os políticos que gastan a saliva babando democracia por todos os poros, ao amparo das manifestacións legais nas rúas, lamentablemente están tamén conducindo a unha delincuencia violenta, en vez de esforzarse en que o pobo non caia no plebeísmo.

Estamos xa no século XXI e non parece que, nesa liña, avanzáramos moito: O respecto ás normas e costumes máis elementais da boa convivencia deixou de coruscar nos nosos tempos, e non en pouca medida provocados pola arrogancia e a indiferenza dos que teñen responsabilidades de goberno ás reivindicacións dun pobo desconcertado.

E digo isto, porque xa Ortega y Gasset, no século pasado, escribía o seguinte, que encaixa perfectamente agora:
“ Nos últimos tempos padeceu Europa un gran descenso de cortesía, e coetaneamente chegamos en España ao imperio indiviso da descortesía”.
Son os efectos dos que pretenden acadar os froitos das súas prédicas igualando por abaixo, sen entrega, mediante a redución dos niveis acadados por arriba con esforzo ou talento.

É curioso que pensen moitos políticos propiciar o progreso defendendo (ou ocultando), como un exercicio de democracia, a promoción de todo o baixo e ruín, que ven ser o máis perigoso morbo que pode padecer unha sociedade, cando cae nas mans da mediocridade.

Si...”mediocridade”, a que xa facía alusión o mesmo Ortega con un chiste que tamén nos ofrece el. Trátase dun acólito que non sabía o seu papel, e sempre contestaba “Bendito e loado sexa o Santísimo Sacramento!”; pero cansado o oficiante, un día dille: “Meu fillo, iso é moi bo; mais non ven ao caso”!.

Este noso pobo, que oficia de vítima da austeridade obrigada; que soporta o dioivo da corrupción; que sofre as inxustizas na súa propia carne, albiscando a fuxida legalizada dos privilexiados dos centros de castigo; que cavila acerca de certos feitos non tipificados como delituosos (que un Señor Presidente do Goberno debilitara a unidade de España e o seguinte estea preso dunha incomprensible indolencia, por exemplo); que le as declaracións dun inculpado, aceptando os feitos da inculpación como certos e non ve tremer á súa contorna; que un destacado político madrileño dimita (menos mal...!) tamén por motivos económicos; que... . En fin..., este noso pobo, repito, coma o oficiante do chiste, está canso de dicir: “Isto non só non ven ao caso, senón que tampouco é moi bo”. Pero aquí os acólitos non parecen moi dispostos a oír aos oficiantes. Imponse, pois, rexeitalos.

Da democracia, señores políticos, non se pode facer un principio integral da nosa existencia, se non queremos convertela nunha extravagancia, e sobre todo a que vostedes practican. Proba evidente disto é que todo o que aquí se denuncia, e moito máis que coñece o cidadán, prodúcese a pesar da mesma democracia, argallada pola irresponsabilidade e incompetencia. A propósito, lembro ter lido no texto de Dereito Político de Izaga, unha anécdota moi axeitada.

A un ilustre xurista norteamericano conducíao na súa carruaxe un auriga (por suposto, menos instruído que os de Platón) a votar, e preguntoulle por que partido ía el. Cando llo dixo, non tivo máis présa o xurisconsulto que a de pedirlle que o levara xa de volta ao seu domicilio, porque non tiña sentido seguir para anularse mutuamente a expresión das súas vontades, xa que apoiaban partidos opostos: A opinión do máis ilustre xurisconsulto do país quedaba anulada, nun acto de democracia, polo do seu carreteiro.

Aquí a democracia quédase curta, sen dúbida; pero suxírenos, colateralmente, un axioma aritmético da escola da nosa infancia: “Por moitos ceros que poñamos por sumandos, a suma xamais arroxará unha cifra significativa”.

Polo tanto, incorporemos á xestión pública figuras relevantes, intelectual e eticamente, non nulidades que arrastren saldos escasamente significativos, salvando os económicos propios. E para iso, é inescusable introducir unha profunda modificación no sistema electoral, para facilitar que a intuición popular inicie a selección.

Hai que desterrar á maldita “partitocracia”, os sobados tópicos que coroan o inxustificable e non perder de vista o que xa dicía Winston Churchill: “a democracia é a necesidade de dobregarse de vez en cando ás opinións dos demais”. Sempre, evidentemente, sen caer nos brazos da excesiva ductilidade: Deben respectarse a liñas roxas.

Pero tamén urxe esquivar a indolencia metódica contra o fracaso, tan rexeitada por Franklin D. Roosevelt, porque “na vida – dicía este Presidente Norteamericano – hai algo peor que o fracaso: non intentar nada”. Claro, isto non se pode facer desde a indixencia de ideas, sen compás e cos farois esvaecidos polas brétemas do poderes bastardos, que contextualizan hoxe a toda Europa, sen excluír o que queda fora.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES