Noticias

Melloran as cifras de liderado feminino, tanto nos cargos directivos clásicos como nos novos activos dixitais

Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.

A xornada, que se levou a cabo nunha das aulas Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, arrancou coa intervención da profesora Vanessa Jiménez, quen puxo sobre a mesa dúas ideas clave: dunha banda, a necesidade dunha maior educación financeira sobre todos os temas relacionados cos criptoactivos e os mundos virtuais e, da outra, que a fenda de xénero que semella existir nestas cuestións cada vez dilúese máis e, “se todo segue así”, seguirá a esvaecerse cada vez máis, debido, sobre todo, á entrada de persoas que teñan coñecementos económicos, tecnolóxicos e xurídicos neste tipo de materias.

“Unha cousa é o que se ve nas redes e outra a realidade, e iso é o que me gustaría amosar hoxe aquí”, subliñoulle a experta ás persoas asistentes, facéndolles fincapé en que ”máis alá do mito dos ‘cripto-bros’ que se pretende vender hai unha importante presenza feminina en todo este mundo moito máis importante do que puidese parecer”.

Moitas expectativas na nova lei de paridade do Goberno

Pola súa banda, Josefina Boquera, catedrática de Dereito Mercantil da Universidad de Valencia, centrou a súa intervención na representación das mulleres nos órganos de administración e alta dirección das sociedades de capital, tanto desde o punto de vista da situación actual como nas perspectivas que se agardan para os vindeiros anos.

“Nestes intres estamos pendentes dun proxecto de lei sobre representación paritaria que xa entrou no Congreso”, explicou a experta, quen se amosou moi positiva coa evolución que se está a acadar neste sentido. “Nos últimos catro anos aumentou moito o número de mulleres nos consellos de administración atopándonos na actualidade con cifras que van do 36 ao 40% e o ideal sería chegar á paridade, é dicir, ao 50%”, algo para o que, desde o seu punto de vista, axudará bastante a nova lei. “Se a lexislación actual aposta polo fomento da igualdade, a nova lei tratará de impoñela, e incluso haberá medidas que establecerán que, en caso de igual capacidade, elixiríase a persoa candidata do xénero menos representado nestes órganos”.

Esta xornada enmárcase no ciclo de actividades Igualdade de xénero e Dereito Mercantil creado hai máis de cinco anos polos catedráticos da Universidade de Vigo Anxo Tato, Julio Costas -que asistiu á xornada- e Pablo Fernández Carballo-Calero e está co-financiada pola Unidade de Igualdade e o Departamento de Dereito Privado da UVigo.

Universidade de Vigo, 2024-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (arte-multiple-uvigo.jpg) A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras. Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que o grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research), da UVigo, denomina 'gráfica de campo expandido', concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para 'conquistar o espazo'. Para afondar nestas ideas, o grupo promove o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira 'O múltiple que ocupa o espazo', con tres exposicións, conferencias e intervencións no espazo público.
Foto de la tercera plana (praias-05.jpg) Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor recoñece a areais de todo o mundo seleccionados en base a rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Notas

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, arrancaba esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia baixo o lema “Mellor, de Madeira” e prolongarase ata o venres. O seu obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual, inaugura este xoves 9 de maio a súa sétima edición cunha completa programación de actividades culturais e artísticas que achegarán ata o próximo 19 de maio á cidade da Coruña a figuras emerxentes e referentes das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+ do panorama galego, nacional e internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES