Noticias

A Filmoteca de Galicia pon en valor o seu arquivo coa proxección de fondos dixitalizados ao abeiro do Hub Audiovisual Galego

A Filmoteca de Galicia avanza no seu labor de recuperación, restauración e conservación do noso patrimonio audiovisual coa recente dixitalización de máis de 30 películas de diferentes xéneros e formatos, realizada ao abeiro do programa Hub Audiovisual da Xunta co obxectivo de poñer en valor e difundir o seu arquivo histórico. Con tal fin, a programación que desenvolve na Sala José Sellier da Coruña conta este ano cunha nova sección que, baixo a denominación Materiais para unha historia do cinema en Galicia, está a exhibir diferentes pezas do fondo da cinemateca, entre as que se atopan filmacións de carácter industrial ou familiar, moitas veces anónimas, pero de gran valor documental á hora de reconstruír a historia do noso cinema.

No primeiro trimestre do ano, este novo apartado na carteleira da Filmoteca de Galicia centrouse nas dixitalizacións acometidas dentro do Hub Audiovisual, para as que se contou cun investimento de 107.000 euros no marco do eixo programa REACT-UE do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Destacan, entre elas, un grupo de 32 películas de 35mm e 16mm que no seu día xa foran recuperadas e restauradas pola entidade en soporte fílmico de acetato.

Eligio González e Manuel Arís

As filmacións en 16mm correspóndense con 14 documentais datados entre 1929 e 1972, moitos deles rodados por Eligio González entre a emigración galega en Arxentina e por Manuel Arís en Galicia, con destino á nosa poboación emigrante en América do Sur. As 18 cintas de 35mm están datadas entre 1915 e 1966, e abranguen desde obras de ficción ata distintas tipoloxías documentais: noticieiros, gravacións industriais e tamén reportaxes dirixidos á emigración galega ao outro lado do Atlántico.

Nas primeiras sesións de Materiais para unha historia do cinema en Galicia, xa se compartiron co público algunhas destas restauracións, como a película muda La tragedia de Xirobio, filmada en 1930 por José Signo; o traballo que promocionaba a Tintorería España de Santiago de Compostela en 1927; as pezas documentais que Eligio González rodou no Centro Galego de Bos Aires entre 1957 e 1961; e o filme Un viaje por Galicia, gravado entre 1953 e 1958 por Manuel Arís, galego emigrado en Montevideo.

A figura de Díaz-Noriega protagoniza abril e maio

Este novo contedor tamén dá cabida a materiais que foron dixitalizados pola Filmoteca nos últimos anos, como os documentos fílmicos do arquivo de Navantia, ou restauracións recentes, como é o caso de varias películas de José Ernesto Díaz-Noriega, figura esencial do cinema amateur español e de gran influencia para toda unha xeración de cineastas galegos a partir de que, a finais dos anos 50, establecera a súa residencia na Coruña, onde levou a cabo gran parte da súa produción.

A restauración das súas obras levouse a cabo a través do programa Arquivo e Restauración da Elías Querejeta Zine Eskola de San Sebastián, en colaboración coa Filmoteca Española e a Filmoteca de Galicia e baixo a coordinación de Carolina Cappa, arquivista audiovisual especializada en preservación fílmica.

As proxeccións de Materiais para unha historia do cinema en Galicia dos meses de abril e maio centraranse nestes traballos de Díaz-Noriega, comezando o vindeiro día 9 cunha escolma de curtametraxes no marco dun seminario organizado xunto á distribuidora Lost & Found. Ademais, para o 18 de abril está programada unha sesión dobre na que poderá verse a curta El Anillo e a mediometraxe Os Suevos.

R., 2024-03-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES