Noticias

O Galiverso estrea unha nova montaxe interactiva para mergullarse de maneira virtual nos 11 centros da Rede de Museos de Galicia

O Galiverso abre este mes de marzo unha nova fiestra ao universo dixital que conecta a Cidade da Cultura cos 11 centros que forman parte da Rede de Museos xestionados polo Goberno galego. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou na presentación deste novo Galiverso dos Museos, que poderá visitarse a partir do martes, de balde, na Cidade da Cultura. Román Rodríguez salientou o potencial dun proxecto que une arte e tecnoloxía para construír experiencias educativas e de ocio singulares coas que descubrir o patrimonio galego, e que visitaron xa máis de 18.000 persoas. Nesta quinta montaxe, o Galiverso dos Museos permite achegarse á colección artística, etnográfica e arqueolóxica conservada nos museos públicos galegos.


Para construír o Galiverso dos Museos, dixitalizáronse cunha alta precisión ata 27 obras de arte, restos arqueolóxicas e obxectos únicos que as persoas visitantes poderán ademais coller coas súas mans virtuais para observalas en detalle. Entre elas, atópanse algunhas das pezas máis significativas de cada centro, como a escultura do cabaleiro de Beade conservada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, un delicado bocado de bronce empregado nos arreos dos cabalos descuberto no castro de Viladonga, ou o astrolabio máis antigo atopado nas costas de Galicia, que conserva o Museo do Mar en Vigo.

As lentes de realidade virtual brindan a sensación de estar dentro de cada museo, permiten entrar nas pallozas do Conxunto Etnográfico do Cebreiro e incluso mergullarse na paisaxe pintada por Urbano Lugrís no cadro Marina Surrealista, que se exhibe no Museo de Belas Artes da Coruña.

Como novidade, o Galiverso dos Museos incorpora a característica da “persistencia” no mundo virtual, de maneira que cada obxecto ficará no mesmo lugar e posición no que o deixou o visitante anterior. Grazas a isto é tamén posible deixar a pegada, literalmente, nun gran mural dentro do Galiverso, do mesmo xeito que facían os nosos devanceiros nas covas coa arte rupestre, explicou o conselleiro de Cultura en funcións.

O Galiverso máis inclusivo

Desde a súa posta en marcha en novembro de 2022, o Galiverso propón usar as novas tecnoloxías dixitais para favorecer o acceso ao patrimonio cultural, natural e histórico galego a persoas de calquera idade e condición. “Temos a vontade de facer do Galiverso o museo con maior accesibilidade universal, sen fronteiras tanxibles que limiten a visita”, afirmou Román Rodríguez.

No deseño de todas as montaxes do Galiverso empréganse controis intuitivos a través dos xestos das mans, textos e locucións explicativas de apoio, e tamén se acomodan as experiencias para que poidan gozalas persoas con mobilidade reducida. O Galiverso dos Museos vai un paso máis alá, incorporando unha zona táctil na que poder “ver coas mans” réplicas impresas en 3D de catro das pezas que foron recreadas tamén na experiencia virtual.

Unha aplicación deseñada pola Universidade de Vigo explica aos usuarios o funcionamento deste espazo, no que tamén hai auriculares de vía ósea e de bucle magnético para que as persoas con dificultades auditivas poidan escoitar as instrucións.

O Galiverso dos Museos pode visitarse de martes a domingo, reservando praza de maneira gratuíta no Museo Centro Gaiás ou a través de Ataquilla. A idade mínima para poder colocarse as lentes de realidade virtual son os 8 anos, e os menores de 12 deben acudir acompañados dunha persoa adulta responsable.

R., 2024-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES