Noticias

A presentación do XLVI Caderno Ramón Piñeiro pon o broche de ouro ao ano dedicado a Fernández del Riego

'Francisco Fernández del Riego no río do tempo' reúne preto de ducia e media de artigos nos que se abordan os principais aspectos da vida e da obra do autor de Vilanova de Lourenzá. Os ensaios dan conta do seu labor como intelectual e cidadán nos tempos da República, na Galicia da reconstrución posbélica, nos anos da Transición e nos primeiros pasos do século XXI, mais tamén se ocupan de facetas como o seu traballo como académico da RAG ou o seu compromiso coa Fundación Penzol. Noutros artigos ponse o foco en diversas vertentes das súas angueiras literarias e de pensamento.

A Xunta de Galicia pon o broche de ouro a un ano de celebracións arredor da figura de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2023, coa presentación do último volume da colección Cadernos Ramón Piñeiro, titulado Francisco Fernández del Riego no río do tempo. O traballo, editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, foi presentado hoxe en Lourenzá, vila natal do autor, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo despedir un ano “moi especial para as Letras Galegas xa que, homenaxeando a don Paco, non homenaxeamos só ao polígrafo, ao intelectual, senón tamén ao impulsor desta efeméride sen a cal a día de hoxe xa non entenderíamos Galicia e a lingua galega”.

Homenaxe colectiva

Francisco Fernández del Riego no río do tempo reúne preto de ducia e media de artigos nos que se abordan os principais aspectos da vida e da obra do autor de Vilanova de Lourenzá. Deste xeito, os diferentes ensaios dan conta do seu labor como intelectual e cidadán nos tempos da República, na Galicia da reconstrución posbélica, nos anos da Transición e tamén nos primeiros pasos do século XXI, mais tamén se ocupan de facetas como o seu traballo como académico da Real Academia Galega (RAG) ou o seu compromiso coa Fundación Penzol que tantos anos dirixiu.

Do mesmo xeito, noutros artigos ponse o foco en diversas vertentes das súas angueiras literarias e de pensamento. Así sucede co seu traballo como tradutor, historiógrafo, lector cosmopolita, o seu interese pola filosofía galega, pola figura de Prisciliano, pola Nova Narrativa, as publicacións hemerográficas ou a súa amizade con figuras como as de Luís Seoane, Álvaro Cunqueiro ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros asuntos tratados.

Este caderno monográfico foi coordinado polos investigadores da Área de Literatura do Centro Ramón Piñeiro Tamara Andrés e Manuel Naveira Fuentes e polo director dos Cadernos Ramón Piñeiro, o profesor e crítico literario Armando Requeixo.

Con esta entrega, a número 46, os Cadernos Ramón Piñeiro chegan xa aos seus 20 anos de vida repasando, entre outras asuntos, a vida e obra dos autores homenaxeados cada ano nas Letras Galegas.

R., 2023-12-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES