Noticias

Galicia aproba xestionar case 8,5 M€ de fondos Next Generation para impulsar competencias dixitais e eficiencia enerxética no sector turístico

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Turismo en Madrid, onde se aprobou unha ampliación do reparto entre as Comunidades Autónomas dos fondos europeos Next Generation. No horizonte 2026 serán case 8,5M€ os que a Xunta de Galicia xestionará a maiores para un Plan de Competencias Dixitais e impulsar medidas de eficiencia enerxética, entre outras accións. En concreto o Goberno autonómico executará o Plan de Competencias Dixitais cun investimento de preto de 2,5M€ e unha previsión de formación de 892 profesionais do sector a través de cursos de 150 horas. O prazo de execución será ata o ano 2026.

Tamén se aprobou a nova convocatoria do plan de eficiencia enerxética. Galicia, xunto a outras Comunidades autónomas, solicitou que se modificaran as condicións desta nova convocatoria, para adecualas ás demandas do sector. Así se aprobou finalmente, de xeito que na nova convocatoria de axudas para a mellora da eficiencia enerxética para as empresas turísticas eliminaranse as esixencias de aforro enerxético do 30% e se subvencionará tamén a enerxía fotovoltaica, Tamén se solicitou a ampliación de prazo de execución ata 2026, que finalmente se formularía ante a Unión Europea por se é posible implementalo como unha addenda. Galicia xestionará 5,5M€ para estes aspectos.

A maiores, aprobouse unha campaña de comunicación e sensibilización que desenvolverá cada territorio cun investimento de algo máis de 400.000 euros para o destino galego.

R., 2023-12-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES