Noticias

Nova Galega de Danza inicia as celebracións do seu 20º aniversario coa estrea de 'Berro'

En Berro, Nova Galega de Danza preséntanos un espectáculo que procura recuperar a memoria colectiva. A montaxe configúrase ao redor do baleiro que supón ser individuos solitarios e illados nunha sociedade carente de memoria. A través do movemento, trázase unha viaxe que conecta cos estados emocionais e que amosa a importancia de recobrar a esencia ancestral. O corpo de baile está formado por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Alba Cotelo, Laura Santamariña, Ricardo Fernández e Iván Villar, gañador do Premio Max ao mellor intérprete masculino de danza en 2021. Jaime Pablo Díaz combinará o traballo coreográfico coa dirección do espectáculo.

A compañía Nova Galega de Danza inicia os actos de celebración do seu 20º aniversario coa estrea este sábado 30 en Narón do seu novo espectáculo: Berro, producido co apoio da Xunta de Galicia e programado no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Esta montaxe de gran formato, que reunirá sobre as táboas un corpo de baile de sete intérpretes, é unhas das 29 producións de danza, novo circo, maxia e teatrobeneficiarias das subvencións outorgadas o pasado ano á creación escénica, liña de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 800.000 euros.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación aos medios de Berro, cuxa estrea se celebrará no Pazo da Cultura de Narón este sábado 30 de setembro ás 20,00 h. No acto tamén interviñeron o director de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz; o responsable artístico da peza, Sharon Fridman e voceiros doutras entidades patrocinadoras.

O representante da Xunta gabou a traxectoria de Nova Galega de Danza, formación que tras dúas décadas de traballo, acadou por méritos propios o status de “referente para o conxunto do sector escénico” e de gran plataforma de lanzamento para multitude de profesionais da danza. Destacou, ademais, a proxección exterior dunha formación que se converteu na primeira compañía de baile galega en ser galardoada nos Premios Max das artes escénicas.

Frutífera colaboración

Na súa intervención, o responsable de Industrias Culturais lembrou así mesmo a “frutífera colaboración” que ao longo dos anos se estableceu entre Nova Galega de Danza e o Centro Coreográfico Galego da Xunta. Neste senso, lembrou as diferentes montaxes da compañía que viron á luz grazas ao programa de coproducións da unidade institucional de danza: Tradición, Son e Credo.

A liña de coprodución que impulsa o Centro Coreográfico Galego, así como a modalidade de danza dentro das axudas á creación escénica coa que se contribúe a estrea de Berro, contémplanse como ferramentas fundamentais no Plan Integral para a Danza en Galicia. Nesta folla de ruta, posta en marcha polo Executivo galego tras un proceso de diálogo co sector, establécense as prioridades e metas para fortalecer a vertente profesional desta disciplina.

O baleiro e o individuo

En Berro, Nova Galega de Danza preséntanos un espectáculo que procura recuperar a memoria colectiva. A montaxe configúrase ao redor do baleiro que supón ser individuos solitarios e illados nunha sociedade carente de memoria. A través do movemento, trázase unha viaxe que conecta cos estados emocionais e que amosa a importancia de recobrar a esencia ancestral.

O corpo de baile está conformado por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Alba Cotelo, Laura Santamariña, Ricardo Fernández e Iván Villar, gañador do Premio Max ao mellor intérprete masculino de danza en 2021. A este elenco cómpre sumarlle a Jaime Pablo Díaz, que combinará o traballo coreográfico coa responsabilidade da dirección xeral do espectáculo.

O equipo artístico tamén inclúe a dirección coreográfica do galardoado artista israelí Sharon Fridman, quen tamén asume a iluminación, e a música do compositor coruñés Sergio Moure de Oteyza.

As entradas para a estrea do sábado pódense adquirir na páxina web do Padroado de Cultura de Narón. A xira de Berro continuará no Teatro Principal de Ourense o 28 de outubro e no Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes de García Rodríguez, o 2 de decembro, tamén estas dúas últimas funcións como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios que cofinancia a Xunta de Galicia.

R., 2023-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES