Noticias

O Gaiás acolle a XIII edición do 'Encontro de Artistas Novos' que reúne a 40 creadores de dentro e fóra de Galicia nunha aposta pola arte emerxente

O XIII Encontro de Artistas Novos está impulsado pola Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Trátase dunha das citas máis consolidadas da programación da Cidade da Cultura, da que forma parte desde 2011. Ata o momento teñen pasado por este encontro destinado a apoiar a novos talentos da creación contemporánea máis de 700 artistas. A apertura do EAN13 contou coa participación do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, do director Territorial Noroeste de Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño; do director do EAN, Rafael Doctor, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, recibiu hoxe os 40 creadores emerxentes que ata o vindeiro xoves 31 de agosto participan no Gaiás na décimo terceira edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN13, onde poderán presentar publicamente os seus traballos e aprender de figuras consolidadas neste foro aberto ao intercambio de ideas, experiencias e procesos creativos.

O XIII Encontro de Artistas Novos está impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Trátase dunha das citas máis consolidadas da programación da Cidade da Cultura, da que forma parte desde 2011. Ata o momento, teñen pasado por este encontro destinado a apoiar a novos talentos da creación contemporánea máis de 700 artistas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que, a través do EAN, o Goberno galego “reafirma o seu compromiso coa creación contemporánea, impulsando un encontro que tras 13 anos é xa un referente na Península, por onde pasaron artistas que hoxe exhiben en galerías, museos e centros culturais de todo o mundo”. O Encontro de Artistas Novos, remarcou, “é un espazo de convivencia e diálogo para compartir experiencias entre creadores de dentro e fóra de Galicia, con múltiples e moi diferentes perspectivas vitais e profesionais: na súa cerna atopamos os principios de acollida, apertura e intercambio que tamén están presentes no espírito da propia identidade galega”.

A apertura o EAN13 contou tamén coa participación do director Territorial Noroeste de Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño; do director do EAN, Rafael Doctor, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. O programa do Encontro arrancou, ademais, coa conferencia inaugural do fotógrafo, creador audiovisual, escritor e editor Alberto García-Alix (León, 1956).

Ao longo da súa extensa carreira, García-Alix exhibiu en centros de arte como o Museo del Prado, o Reina Sofía, a Maison Européenne de la Photographie en París ou o Museo Casa da Fotografía de Moscova e foi galardoado, entre outros recoñecementos, co Premio Nacional de Fotografía, o de PHotoEspaña ou a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes de España, ademais de ser nomeado en 2012 Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras de Francia.

Diálogo entre artistas consolidados e emerxentes

Ademais de García-Alix, os 40 novos talentos participantes no Encontro terán a oportunidade de aprender doutras tres destacadas figuras das artes plásticas, nun enriquecedor diálogo aberto entre artistas emerxentes e consolidados. Por unha banda, a fotógrafa Estela de Castro (Madrid, 1978), especializada no xénero do retrato que saltou á palestra mediática polo seu traballo como autora dos retratos oficiais da Familia Real en 2020; ou Beatriz Ruibal (Pontevedra, 1969), que conta cun abundante corpo de traballo fotográfico e cinematográfico arredor de temas como a ausencia, a memoria, o esquecemento e a nostalxia. Por último, o EAN despedirase o xoves coa conferencia do recoñecido fotógrafo galego Vari Caramés (Ferrol, 1953).

Tamén ata o xoves, os artistas emerxentes participantes poderán darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

R., 2023-08-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES