Noticias

Galicia acollerá a primeira reunión técnica dos socios europeos do proxecto GIFT para avanzar na xestión da infraestrutura verde a nivel rexional

Galicia acollerá a primeira reunión conxunta do equipo de traballo interrexional do proxecto GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees), que se constituíu o pasado mes de xuño e cuxa misión é establecer ao longo dos vindeiros catro anos medidas e políticas sectoriais efectivas na xestión da infraestrutura verde e da paisaxe. Os días 29 e 30 de agosto celebrarase en Santiago a primeira revisión entre pares desta iniciativa co fin de analizar e mellorar da man dos socios implicados os instrumentos políticos directamente relacionados coa infraestrutura verde, entendida como unha rede de elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien á contorna.

Segundo a axenda prevista, combinaranse as reunións técnicas con visitas ao territorio. No marco das primeiras, abordaranse os principais aspectos a considerar nesta materia, a situación actual de Galicia e os instrumentos políticos relacionados, así como outros factores a ter conta á hora de reflectir adecuadamente os resultados obtidos.

En canto ás saídas previstas, cómpre subliñar unha visita ao Monte Xalo, escenario escollido pola súa condición de Área de especial interese paisaxístico e como un bo exemplo na Comunidade da combinación dos valores naturais, culturais e panorámicos.

O obxectivo deste primeiro encontro é facilitar a posterior formulación de recomendacións que permitan integrar os criterios relacionados coas infraestruturas verdes nos instrumentos galegos de protección da paisaxe, para o cal resulta especialmente interesante coñecer as experiencias previas a diferentes escalas territoriais dalgúns dos socios implicados no GIFT.

Así, nesta ocasión, contarase coa participación destacada, entre outros, de representantes da Universidade de Zagreb (Croacia), ademais da Universidade de Letonia, en calidade de socio asesor.

Tamén están convidados a participar e colaborar outros expertos e axentes con experiencia en Galicia, que poderán aportar o seu coñecemento e puntos de vista sectoriais ao equipo.

Case 2 M€ de orzamento

Para liderar o proxecto GIFT a Comisión Europea seleccionou á Xunta de Galicia, que delegou no Instituto de Estudos do Territorio (IET) a misión de aprender uns socios doutros para, grazas ao coñecemento adquirido entre todos, mellorar unha política propia que incorpore a infraestrutura verde a outras políticas territoriais de cada rexión.

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente do Feder e o 20% restante achegado polos socios—a iniciativa porá especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga, a erosión e o benestar animal, entre outros.

O carácter innovador do GIFT reside no seu enfoque integrado coas políticas sectoriais co que se pretende abordar a infraestrutura verde fronte ao cambio climático, a súa conectividade e as medidas de recuperación da biodiversidade.

Ademais da Xunta, no proxecto participan outras nove entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña) e os dous anteriormente mencionados: a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb.

R., 2023-08-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES