Noticias

O Programa Ignicia selecciona nove proxectos de investigación para impulsar a súa chegada ao mercado

Un total de nove proxectos veñen de acceder á fase de maduración da convocatoria do programa Ignicia, desenvolvido pola Xunta e a Fundación Barrié. O obxectivo é a valorización da ciencia excelente feita en Galicia e a transformación dos resultados da investigación en tecnoloxías e produtos que poidan chegar ao mercado para dar resposta aos retos da sociedade, á vez que se xeran retornos económicos. Nos vindeiros meses estes proxectos traballarán cos expertos do programa na concreción do plan de desenvolvemento e comercialización para garantir a súa chegada ao mercado. Os proxectos que superen esta etapa serán propostos a investimento e poderán acceder a un financiamento do 100% dos custos.

Dous dos proxectos seleccionados na cuarta edición desta convocatoria están promovidos pola Universidade de Vigo; dous polo centro tecnolóxico Gradiant e un por cada unha das seguintes entidades: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

Desde a súa posta en marcha en 2016, o programa Ignicia mobilizou un investimento total de 16,6 M€, incluídos os preto de 4 millóns de euros cos que está dotada esta edición. Durante este tempo, o programa apoiou 23 proxectos, dos que 10 están en desenvolvemento e 12 teñen acadado xa o éxito comercial, a través de 9 empresas tecnolóxicas ou startups e 3 acordos coa industria, que foron quen de xerar máis de 100 empregos de alta cualificación.

Os proxectos seleccionados nesta convocatoria abranguen unha ampla variedade de temáticas, con propostas enmarcadas nas tres prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Todas elas, ademais, son tecnoloxías disruptivas, con gran potencial e aliñadas coas capacidades industriais de Galicia. Así, tres deles teñen como prioridade a sustentabilidade, enfocada desde distintos sectores (enerxético, biotecnoloxía mariña e industrial); outros tres teñen como eixo a dixitalización, en relación co 5G, a intelixencia artificial e a robótica, mentres que os tres restantes teñen como prioridade o enfoque nas persoas, co desenvolvemento de tecnoloxías no ámbito da medicina de prevención, rexenerativa e de precisión.

En canto á fórmula de comercialización, inicialmente está previsto que sete dos proxectos cheguen ao mercado a través da creación dunha spin-off, mentres que os dous restantes farano a través do licenciamento das súas tecnoloxías á industria. Os proxectos seleccionados contan cun orzamento medio de 450.000 € e unha duración media de 24 meses. Neles estarán implicadas 63 persoas investigadoras, das que 34 (54%) son homes e 29 (46%) mulleres.

Ignicia enmárcase na aposta do Goberno galego por seguir fortalecendo as capacidades do sistema galego de I+D+i e potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, poñendo o foco na transferencia de coñecemento.

R., 2023-07-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES