Noticias

A Xunta reclamoulle ao Goberno de España que poña en marcha sen demora as obras de emerxencia no segundo viaduto da A-6.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, instou ao Executivo central a que destine os medios materiais e humanos necesarios para axilizar a execución desa solución completa na autovía e garantir dese xeito a seguridade viaria. Salientou que a rectificación do Goberno, que agora se avén a executar por emerxencia e de xeito simultáneo as obras dos dous viadutos, demostra que a Xunta tiña razón, que as súas valoración técnicas eran correctas e a súa proposta era a máis acertada.






Ethel Vázquez lamentou que tivo que pasar un ano para que o Goberno central se autoemendase e apostase pola decisión máis sensata, que pasa pola reconstrución simultánea dos dous viadutos e polo procedemento de emerxencia.


Precisou que o propio informe encargado polo Ministerio de Transportes sinala que é necesario executar polo procedemento de emerxencia e de xeito simultáneo os viadutos de entrada e de saída para garantir a estabilidade das cimentacións, para evitar sobrecustos e para reducir o prazo de execución o máximo posible, achegando, ademais, máis seguridade viaria.


Precisou que, pese á rectificación do Ministerio, a Xunta seguirá estando vixiante ante as decisións que adopte a partir de agora, porque non se pode perder nin un minuto máis, dadas as graves consecuencias e prexuízos que a negativa do Goberno de España ata agora ten suposto para os usuarios e para os intereses da comunidade.


Incidiu en que, no mellor dos casos, aínda quedará un ano máis por diante para que os cinco carrís da A-6 volvan estar dispoñibles tras a rectificación anunciada polo Ministerio. Isto dará, como resultado final, que os usuarios sufrirán os prexuízos da situación da A-6 durante 3 anos como mínimo, tendo en conta o tempo de execución das obras, o máis dun ano que xa ten transcorrido desde o colapso do viaduto do Castro e o ano de traballos de emerxencia que se estaban executando na autovía cando se produciu o incidente.


Sinalou que estas circunstancias obrigan a afrontar, de entrada, unha campaña estival complicada nos desprazamentos de entrada e saída a Galicia por estrada, tendo en conta que a A-6 é unha das principais arterias de comunicación coa meseta; e que na outra autovía de entrada a Galicia, na A-52, se están a acometer nestes momentos obras de reparación para paliar as graves deficiencias que presenta a calzada.


A titular de Infraestruturas tamén se referiu aos atrancos, retrasos e promesas incumpridas do Goberno en relación ás infraestruturas de titularidade estatal, ante a falta de impulso das novas autovías e a inexistencia dun programa de mantemento das estradas xa existentes. Lembrou que seguen pendentes de execución autovías comprometidas como a da Mariña, a autovía Ourense-Ponferrada, a autovía Ourense-Lugo e tamén a A-54, Santiago-Lugo, que está aínda sen finalizar.

, 2023-06-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES