Noticias

A Cidade da Cultura impulsa a visibilidade da muller na arte cunha nova edición no Bosque de Galicia do ciclo de intervencións 'Reb/veladas na paisaxe'

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, abriu hoxe un novo itinerario artístico nas zonas verdes do Gaiás, formado polas intervencións artísticas da cuarta edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe. Nesta ocasión son dous creadores novos galegos, Diego Vidal e Rebeca Lar, canda o navarro Alberto Odériz, os encargados de dar forma ás tres pezas escultóricas que se poderán ver ata o mes de novembro no Bosque de Galicia. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, participou esta mañá coas comisarias e artistas na apertura de Reb/veladas na paisaxe, destacando a súa aposta por levar a arte fóra das paredes dos museos e engadir un atractivo cultural á contorna natural do Gaiás.

Trátase de tres pezas que aguilloan a curiosidade e convidan á reflexión a través do xogo de escalas, a reformulación de mitos e imaxinarios e a confrontación da ollada do público sobre si mesmo.

Desde os seus inicios, Reb/veladas na paisaxe busca tamén dar visibilidade á presenza da muller en todos os eidos da arte contemporánea. Unha arela que nesta cuarta edición se fai patente na escolla das tres comisarias galegas elixiron, á súa vez, as e os artistas participantes: Mercedes Rozas, que traballou con Diego Vilar; Clara R. Cordeiro, con Rebeca Lar, e Chus Villar, con Alberto Odériz. Todas elas, subliñou a representante da Fundación Cidade da Cultura, son mulleres cunha ampla e destacada traxectoria na programación e dirección de proxectos culturais.
Conectados pero incomunicados

A ruta artística comeza no Bosque de Galicia, detrás das Torres Hejduk, onde se localiza Facendo zapping, de Diego Vidal (Boqueixón, A Coruña, 1997). Formada por tres esculturas humanas, próximas pero incomunicadas entre si e do mundo que as rodea, a intervención chama a atención sobre a perda de contacto coa realidade próxima nunha sociedade hiperconectada onde os individuos corren o risco de illarse dentro das máquinas.

Partindo das ideas do filósofo surcoreano Byung-Chul Han ao redor da alienación provocada polo abuso das novas tecnoloxías, o artista galego presenta tres figuras, homes e mulleres sostendo o móbil, cos seus rostros desfigurados nun mimetismo total coa pantalla do teléfono, chegando incluso a dar as costas á vista das torres da Catedral de Santiago que se pode contemplar desde o cumio do Gaiás.

A experiencia de atravesar a montaña

Desde o lugar onde se localiza este primeiro conxunto escultórico, cara ao norte, batemos no medio do camiño entre as Torres Hejduk e o Museo coa División simple de una roca de granito de Alberto Odériz (Pamplona, 1983). O escultor e arquitecto, premio de Arte Emerxente en ARCO 2023, propón un traballo que percorre o camiño inverso trazado polo arquitecto Peter Eisenman na súa concepción da Cidade da Cultura, inspirado tamén nas esculturas de Richard Serra para o Guggenheim Bilbao.

Á procura da acción primixenia (a división da rocha natural nunha canteira), sobre o material orixinal (o granito), e trasladándoa a unha escala humana, Odériz constrúe unha peza que explora a relación entre a Cidade da Cultura e o Gaiás e introduce ás persoas visitantes na experiencia de atravesar a montaña.

Unha casa de bruxa no medio do Bosque

O percorrido de Reb/veladas na paisaxe finaliza baixando cara ao oeste, onde entre as árbores do Bosque de Galicia emerxe O caso de Palmira, de Rebeca Lar (Vigo, 1993). A galega constrúe unha nova idea da “casa da bruxa” que cuestiona a historia aceptada e a súa representación como personaxes crueis e escuras no imaxinario colectivo. A intervención propón novas lecturas das meigas como mulleres transmisoras de coñecemento, comadroas, marxinadas, independentes e tamén símbolo feminista.

Inspirada na arquitectura escandinava e coa madeira como material principal, a casa convida a fisgar polas fiestras para descubrir o obradoiro de Palmira. Teas, fíos, agullas, costura e bordado —técnicas empregadas habitualmente por Rebeca Lar nas súas pezas artísticas—, unha mesa con obxectos e ingredientes relacionados coa práctica menciñeira, así como lenzos que refiren ao tema da obra dan forma a este espazo simbólico.

R., 2023-06-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-catedral-sant.jpg) Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.
Foto de la tercera plana (universidade-estudante.jpg) Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus.

Notas

O profesor do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña, José Antonio Orosa García, e Ander Ruiz Zardoya, doutorado pola UDC, acaban de ser galardoados pola revista especializada do ámbito mariño Journal of Marine Science and Engineering (JMSE) (Q1), polo seu artigo 'Methodological Design Optimization of a Marine LNG Internal Combustion Gas Engine to Burn Alternative Fuels'.
Tivo lugar o xoves 30 de maio no salón de plenos de Concello de Paradela a reunión do xurado do XXIX CERTAME LITERARIO MANUEL ORESTE RODRÍGUEZ LÓPEZ, que organiza o propio Concello. Os primeiros premios foron para LUIS LEXANDEL P. G. (CUBA) na categoría de poesía; CRISTÓBAL S. P. (PONTEVEDRA) en narrativa, e JESÚS C. N. (SANTIAGO DE COMPOSTELA) na categoría Camiño de Santiago.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES