Noticias

Darío Villanueva pecha este xoves o ciclo de divulgación científica que reuniu reputados relatores na cidade da cultura

A Cidade da Cultura pecha este xoves o programa de fomento da cultura científica Ciencia parece pero non é co catedrático Darío Villanueva, que afondará no pensamento crítico e uso da linguaxe. Esta será a última das conferencias dun ciclo que reuniu desde xaneiro reputados relatores. Neste tempo alcanzáronse unhas 5.000 visualizacións na súa retransmisión online e participaron preto dun cento de docentes no curso que acompaña ao ciclo. O catedrático Darío Villanueva, exreitor da Universidade de Santiago e expresidente da Real Academia Española, realizará un achegamento á investigación e reflexión sobre pensamento crítico, razón e fenómenos de manipulación a través do uso da linguaxe no seu relatorio Imposturas intelectuais e atropelo á razón.

Celebrarase ás 18,00 horas no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura e poderá seguirse vía streaming no perfil de Youtube de Educación da Xunta de Galicia. A asistencia é libre ata completar aforo.

Estimular o pensamento crítico

Darío Villanueva súmanse á lista de recoñecidos divulgadores que achegaron claves sobre diferentes aspectos da ciencia e a tecnoloxía de xeito entretido a través de charlas dirixidas a todos os públicos, especialmente do eido educativo, para estimular o pensamento crítico.

Participaron, a catedrática en Psicoloxía Experimental pola Universidade de Deusto Helena Matute, o psicólogo e profesor Ramón Nogueras, o neurocientífico e catedrático da Universidade de Salamanca José Ramón Alonso, o doutor en Psicoloxía pola Universidade de Deusto Fernando Blanco. Tamén impartiron relatorios o doutor en Física Aplicada pola Universidade Autónoma de Madrid Joaquín Sevilla, o biólogo e catedrático de Fisioloxía na Universidade do País Vasco Juan Pérez Iglesias, o arqueólogo e historiador Néstor Marqués, a profesora de Psicoloxía da Universidade de Minnesota Panayiota Kendeou e o teólogo Luis Santamaría del Río.

Ciencia parece pero non é completaranse cunha publicación coral que recollerá diversos aspectos destacados dos relatorios que será distribuída nos centros educativos e bibliotecas de Galicia e estará aberta ao público na Libraría Institucional da Xunta.

R., 2023-05-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES