Notas de prensa

A CRUE reflexiona en Santiago sobre os desafíos en internacionalización e cooperación para o desenvolvemento

A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas desenvolve este luns e o martes no Edificio Fontán da Cidade da Cultura as súas XXI Xornadas sobre Internacionalización e Cooperación, organizadas nesta ocasión polas tres universidades públicas galegas. A xornada inaugural presidiuna o reitor da USC, Antonio López Díaz, e contou coa participación dos seus homólogos da Coruña e Vigo, Ricardo Cao Abad e Manuel Reigosa Roger, respectivamente.

Asistiron ademais do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o presidente desta sectorial da CRUE e reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón, e a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso.

No acto, Antonio López mantivo que “a internacionalización non é unha necesidade senón unha solución, por exemplo, para facer fronte ao reto demográfico das vindeiras décadas”, unha cuestión na que coincidiron todas as persoas intervintes. O programa de traballo deseñado nesta sectorial da CRUE permitirá, para o reitor da USC, un debate “rigoroso” sobre os deberes marcados dende Europa e a folla de ruta que deben seguir as universidades españolas en cuestións como a harmonización de títulos, criterios comúns de xestión das universidades, mobilidade internacional da comunidade universitaria ou cooperación.

Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez, que recoñeceu o importante papel da CRUE coma ponte entre organizacións e institucións, puxo de relevo que este encontro axudará a dar “os pasos necesarios ante o enorme potencial que temos en captación de profesorado e alumnado así como en transferencia”. “Esta pode ser -dixo- unha importante vía para facer fronte á caída demográfica”. Neste punto coincidiu Manuel Reigosa, para quen as xornadas permitirán abordar un paradoxo baseado na idea de que “somos un sistema universitario competitivo e atractivo pero á vez o país menos internacionalizado no plano universitario polas rixideces do noso sistema”. Neste sentido, considera oportuno “aproveitar a calidade das nosas universidades para ser quen de atraer alumnado estranxeiro e por esta vía subverter a caída demográfica”.

Para a vicerreitora López Couso, “a internacionalización transcende o concepto de mobilidade e pasa a definirse como un proceso de mellora da formación e a aprendizaxe, que inflúe tamén na investigación, a transferencia ou a responsabilidade social”. Nesta mesma liña, Ricardo Mairal lembrou que este días de debate permitirán reflexionar e concretar proxectos que constitúen “o presente e o futuro máis inmediato” en cuestións como o desenvolvemento das microcredenciais, as alianzas universitarias estratéxicas, o fortalecemento do espazo iberoamericano ou a atención cara ao continente africano.

O reitor coruñés Ricardo Cao puxo o foco da súa intervención na cooperación e en que o encontro é precisamente unha mostra do traballo das universidades galegas neste ámbito á vez que evidencia “a necesidade de seguir tecendo alianzas”. Na súa opinión, é preciso “reforzar o papel” das universidades na cooperación ao desenvolvemento “para facer fronte á pobreza, achegar respostas ás crises humanitarias ou avanzar noutras cuestións como as crises migratorias ou o comercio xusto”.

Logo do acto oficial de apertura, a xefa adxunta da Unidade de Educación Superior Europea da Axencia Executiva de Educación e Cultura (EACEA) da Comisión Europea, María Luisa García Mínguez, pronunciou a conferencia ‘Universidades Europeas: Desafíos e oportunidades’.

Esta xuntanza sectorial abordará, entre outras cuestións, os desafíos actuais das universidades no eido da internacionalización, o impacto académico das Alianzas de Universidades Europeas ou a mobilidade inclusiva, así como as diversas facetas nas que as universidades poden contribuír substancialmente á Cooperación ao Desenvolvemento. O encontro permitirá igualmente compartir casos de boas prácticas e avanzar no deseño de novas iniciativas que permitan ampliar o potencial de internacionalización e cooperación das Universidades para ter capacidade de adaptación ás necesidades dun entorno globalizado e en constante transformación.

Precisamente, previo á xornada inaugural tivo lugar unha sesión de boas prácticas sobre os Programas Intensivos Combinados (BIP) en institucións estranxeiras de educación superior na que distintas universidades españolas expuxeron os seus casos de éxito, así como outra de análise de propostas de harmonización de equivalencias de cualificacións.

Intenso programa

A xornada do luns prosegue pola tarde cun primeiro panel temático sobre retos da internacionalización da Educación Superior na que se tratarán cuestión relacionadas co deseño de títulos conxuntos, as microcredenciais no EEES, a captación de estudantes internacionais e o proceso de acceso e admisión ou a mobilidade inclusiva. A sesión continuará cun diálogo co director do SEPIE, Alfonso Gentil Ãlvarez-Ossorio, no que participarán o reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón, a coordinadora do Grupo de Traballo de Internacionalización, Ileana María Greca Dufranc, e a coordinadora do Grupo de Traballo de Mobilidade, Inmaculada Marrero Rocha.

O programa da mañá do martes dedicarase a reunións dos distintos grupos sectoriais para, xa pola tarde, desenvolver dous paneis temáticos, un primeiro sobre a Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, e un segundo de boas prácticas na internacionalización. Esa mesma tarde, o reitor Ricardo Mairal Usón impartirá un relatorio acerca dos desafíos e posibilidades do vínculo académico entre Chile e España, que presentará o embaixador dese país americano en España, Javier Velasco Villegas.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-05-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES