Notas de prensa

A UDC acolle o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective'

O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).

O programa RITHMS, financiado pola Comisión Europea, céntrase en mellorar as capacidades tecnolóxicas das axencias do sistema penal para loitar contra o tráfico de patrimonio histórico e cultural, sinaladamente mediante o emprego de instrumentos de intelixencia e investigación baseados na Intelixencia Artificial (IA). Nesta iniciativa europea, o ECRIM lidera a análise xurídica e ética do emprego da IA e os aspectos criminolóxicos do proxecto.

No marco deste seminario internacional, na Facultade de Dereito da UDC reuniranse investigadoras e investigadores internacionais con responsables das unidades policiais especializadas de varios países europeos (España, Italia, Países Baixos, Romanía), así como con fiscais e representantes da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) e do Consello de Europa, para discutir os límites e as potencialidades das actuais estratexias de loita contra este tipo de criminalidade.

Máis sobre o grupo ECRIM

O grupo de investigación ECRIM (Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI) ten a súa sede na Universidade da Coruña (A Coruña), en concreto nas Facultades de Dereito e Ciencias da Educación.

O ECRIM está formado por uns 30 membros, cunha media de idade en torno aos 40 anos. Aínda que o grupo compóñeno sobre todo persoal docente e investigador da Universidade da Coruña, varios membros pertencen a outras universidades españolas (Universidade de Cádiz, Universidade das Illas Baleares). Xunto a iso, algunhas das persoas integrantes desenvolven a súa principal actividade no eido das profesións xurídicas, como xuíces, fiscais, avogados e asesores gobernativos, tanto en España como no estranxeiro (Unión Europea, Arxentina). A ampla maioría de membros do ECRIM son doutores, sexa en Dereito ou en Psicoloxía.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (arte-multiple-uvigo.jpg) A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras. Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que o grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research), da UVigo, denomina 'gráfica de campo expandido', concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para 'conquistar o espazo'. Para afondar nestas ideas, o grupo promove o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira 'O múltiple que ocupa o espazo', con tres exposicións, conferencias e intervencións no espazo público.
Foto de la tercera plana (praias-05.jpg) Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor recoñece a areais de todo o mundo seleccionados en base a rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Notas

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, arrancaba esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia baixo o lema “Mellor, de Madeira” e prolongarase ata o venres. O seu obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual, inaugura este xoves 9 de maio a súa sétima edición cunha completa programación de actividades culturais e artísticas que achegarán ata o próximo 19 de maio á cidade da Coruña a figuras emerxentes e referentes das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+ do panorama galego, nacional e internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES