Notas de prensa

Especialistas de oito universidades debaten en Pontevedra sobre o papel dos gobernos locais e autonómicos na esfera internacional

Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.

Afondar nas “transformacións e retos aos que se enfronta a diplomacia nun ámbito político caracterizado por múltiples conexións e interdependencias entre os distintos niveis de goberno, así como pola presenza de diversos actores que buscan intervir na política global do século XXI” é, como sinalan os seus promotores, o obxectivo da xornada Gobernos rexionais e locais: tecendo relacións na escena internacional, que este venres se desenvolve na Facultade de Dirección e Xestión Pública.

Promovida polo grupo permanente Diplomacia(s) Plural(es), da Asociación Española de Ciencia Política e da Adminsitración (AECPA), xunto co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), coa colaboración da facultade e do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, nesta xornada participan, de forma presencial e virtual, 15 investigadores e investigadoras de oito universidades españolas. Dirixida polo profesor da facultade pontevedresa Celso Cancela e pola docente da Universidad Loyola Andalucía Paula Lamoso, o seu propósito é a posta en común de diferentes investigacións sobre a acción exterior dos gobernos locais e autonómicos e sobre o papel dos parlamentos como “tribunas morais”, que realizan pronunciamentos sobre cuestións de carácter internacional.

Das cidades galegas á acción exterior de Euskadi e Cataluña

Estruturada en tres mesas de debate, a xornada abriuse cun relatorio do director do Igadi, Daniel González Palau, sobre a proxección exterior das cidades galegas. Nel, afondou no interese das sete principais urbes pola promoción turística, a “captación de eventos académicos e culturais” ou a promoción económica, para incidir logo en “debilidades” como a falta dunha “planificación estratéxica que dea estabilidade as accións”, realizadas de forma “fragmentada” polos diferentes departamentos dos concellos. Tamén nesta primeira mesa, Andrea Manuela García, do Fondo Galego de Cooperación, abordou o papel da cooperación local neste eido; mentres que Estela Campus, da Universidad Loyola, centrouse no “reto” que supón a migración para os concellos andaluces e o profesor da Universidade Fernando Pessoa Joao Casqueira incidiu na acción exterior das cámaras municipais portuguesas.

Un segundo bloque puxo o foco na “paradiplomacia” dos gobernos autonómicos, marcada en boa medida pola “promoción económica”, como explica Cancela, mais afectada tamén por cuestións “de carácter máis político”, en casos como o de Cataluña tras o procés. A diplomacia pública e a acción exterior catalá foron o eixo da intervención de Andrea Noferini, da Universitat Pompeu Fabra, mentres que José Luis de Castro, da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) abordou a acción exterior do goberno de Euskadi, que “adoptou unha dimensión moi pragmática, centrada en captar investimentos”, explica Cancela. A mesa completouse cos relatorios que Cesar de Prado, da Universidad de Valladolid, e María Isabel Nieto, da Complutense, centraron en Castela e León e Estremadura, respectivamente.

Os parlamentos como “tribunas morais”

A terceira mesa centrouse na denominada “diplomacia parlamentaria”, o papel das cámaras lexislativas como “tribunas morais, de promoción e difusión de dereitos e valores”, apunta Cancela. O investigador da UVigo presentou nese senso o estudo que está a realizar sobre a diplomacia do Parlamento de Galicia, analizando tanto diferentes declaracións institucionais, aprobadas por unanimidade, como a incidencia internacional que poden ter as visitas de parlamentarios.

Incidindo nesa mesma idea de “foro moral internacional”, o investigador da Universidad de Zaragoza Stelios Stavridis abordou o papel que xoga neste eido o Parlamento Europeo, mentres que Lamoso puxo o foco nas resolucións adoptadas pola cámara da UE respecto de Gaza. Por outra banda, o labor das cámaras lexislativas como “promotoras de dereitos fundamentais na era dixital” centrou a intervención de Mónica Velasco, investigadora do Instituto Europeo de Estudos Internacionais.

Universidade de Vigo, 2024-04-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (arte-multiple-uvigo.jpg) A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras. Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que o grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research), da UVigo, denomina 'gráfica de campo expandido', concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para 'conquistar o espazo'. Para afondar nestas ideas, o grupo promove o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira 'O múltiple que ocupa o espazo', con tres exposicións, conferencias e intervencións no espazo público.
Foto de la tercera plana (praias-05.jpg) Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor recoñece a areais de todo o mundo seleccionados en base a rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Notas

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, arrancaba esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia baixo o lema “Mellor, de Madeira” e prolongarase ata o venres. O seu obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual, inaugura este xoves 9 de maio a súa sétima edición cunha completa programación de actividades culturais e artísticas que achegarán ata o próximo 19 de maio á cidade da Coruña a figuras emerxentes e referentes das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+ do panorama galego, nacional e internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES