Notas de prensa

O teatro universitario retorna a Pontevedra coa XV Miteu

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.

Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello, a mostra abrirase cun espectáculo da compañía colombiana Sin mente Teatro e continuará o venres 26 coa aula teatral da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Xa á semana seguinte poderán verse tres montaxes saídas das aulas da UVigo, Desequilibrios, do grupo Maricastaña, de Ourense; Soño dunha noite de verán, da aula do campus vigués, e Estupidez Artificial, resultado do obradoiro de teatro do campus pontevedrés.

A programación da Miteu foi presentada este xoves pola vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, acompañados polo coordinador da mostra e responsable da aula do campus, Salvador del Río, de Ningures Producións. Alén de incidir no positivo de “pór en valor diante da sociedade” o traballo realizado nunhas aulas abertas ao conxunto da cidadanía, Lantarón destacou a importancia da Miteu e da programación cultural para o proxecto de especialización Campus Crea, así como o carácter internacional desta mostra. Torres, pola súa banda, lembrou que esta, ao igual que as Miteu de Vigo e Ourense supoñen “a culminación do traballo que se vén realizando nos obradoiros de teatro”.
De Bogotá a Vigo

De inaugurar a programación encargarase a convidada internacional desta edición, Sin mente Teatro, unha compañía impulsada en 2015 por estudantes da Universidad Distrital Francisco José de Caldas, de Bogotá. Tras o seu paso pola Miteu de Vigo, o mércores 24 presentarán en Pontevedra Tomás, cuando el silencio es complicidad, unha obra dirixida por Germán Frasio Montenegro, que combina a linguaxe corporal, visual e musical co manexo de monicreques. Dous días máis tarde, poderá verse Antropoloxía do bico (O síndrome do túnel carpiano), unha montaxe realizada pola aula da USC, “unha das compañías máis antigas do teatro universitario”, como lembrou Salvador Del Río. Baixo a dirección de Roberto Salgueiro, esta agrupación presentará unha montaxe conformada a partir de textos de Laura Valeiras, Paulo Mouriño, Maurice Blanchot, Leila Guerreiro e o propio Salgueiro.

O luns 29 poderá verse Desequilibrios, montaxe pola que o grupo Maricastaña do campus de Ourense era premiado recentemente no Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior. Con dramaturxia e dirección de Fernando Dacosta, trátase dunha obra ambientada nun manicomio e inspirada no libro Alguén voou sobre o niño do cuco, de Ken Kesey. Esa mesma semana, o xoves 2, poderá verse no Teatro Principal a adaptación que a Aula de Teatro do Campus de Vigo realizou de Soño dunha noite de verán, “unha das obras máis máxicas de Shakespeare”. Baixo a dirección de Sonia Alfaro e Casilda Rúa, será levada ao escenario por “un elenco moi coral”, formado por máis dunha ducia de actores e actrices.
A aula do campus pecha a programación

Esta XV Miteu clausurarase o venres 3 de maio con Estupidez Artificial, o espectáculo desenvolvido ao longo do curso polos participantes no obradoiro de teatro do campus de Pontevedra, estreado este mércores na Miteu de Vigo. Dirixido por Omar Ferrín e Salvador del Río, trátase dun espectáculo conformado a partir de tres textos breves, realizados por Manuel Cortés, Ana Abad de Larriva e Déborah Vukusic, no Torneo de Dramaturxia da Mostra Internacional de Teatro de Cangas. “Todos teñen como nexo de unión a intelixencia artificial”, salientou Del Río dunha montaxe na que esta “ferramenta chamada a revolucionar a maneira na que os seres humanos teñen ou terán que relacionarse” vincúlase coa busca de compañía para “escapar da soidade”, coa procura de inspiración por parte dun “artista frustrado” ou cunha “indagación arredor da fórmula que permita dominar o mundo”, como recolle o seu texto de presentación.

Universidade de Vigo, 2024-04-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (arte-multiple-uvigo.jpg) A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras. Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que o grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research), da UVigo, denomina 'gráfica de campo expandido', concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para 'conquistar o espazo'. Para afondar nestas ideas, o grupo promove o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira 'O múltiple que ocupa o espazo', con tres exposicións, conferencias e intervencións no espazo público.
Foto de la tercera plana (praias-05.jpg) Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor recoñece a areais de todo o mundo seleccionados en base a rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Notas

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, arrancaba esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia baixo o lema “Mellor, de Madeira” e prolongarase ata o venres. O seu obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual, inaugura este xoves 9 de maio a súa sétima edición cunha completa programación de actividades culturais e artísticas que achegarán ata o próximo 19 de maio á cidade da Coruña a figuras emerxentes e referentes das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+ do panorama galego, nacional e internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES