Notas de prensa

A Conferencia Internacional de Decrecemento reunirá en Pontevedra preto dun milleiro de persoas

Da man do Post-Growth Innovation Lab da UVigo, Pontevedra será a sede de ESEE-Degrowth 2024, un congreso no que se agrupan a 15 Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento. 'Son eventos irmáns, que reúnen a elite da investigación sobre economía ecolóxica', salientou o director deste grupo.

Acompañado polo investigador Javier Lloveras, codirector do congreso, Pansera presentou este mércores a conferencia no Concello xunto co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías. Organizado polo Post-Growth Innovation Lab, coa colaboración da Universidade de Vigo, o Concello, a ESEE, o movemento Degrowth International e a asociación Research and Degrowth, o congreso achegará á cidade “nomes fundamentais” da investigación sobre economía ecolóxica, combinando ademais o seu programa científico cun conxunto de “actividades non académicas” dirixidas ao conxunto da cidadanía.

Deste xeito, o evento buscará xerar un debate sobre as ideas do decrecemento e poscrecemento, que, como lembrou Pansera, fan referencia a como as sociedades poden manter “unha relación sostible co medio ambiente” e “vivir mellor sen ter que medrar de forma infinita, que é imposible”. Nese senso, Fernández Lores destacou que acoller un foro sobre esta temática sitúa a Pontevedra “na vangarda”, ao que Gulías engadiu a importancia de contar cun grupo “formado por preto de 15 investigadores e investigadoras internacionais que son capaces de captar recursos públicos para innovar e mellorar a sociedade”.

Preto dun milleiro de comunicacións presentadas

Baixo o título de Ciencia, tecnoloxía e innovación máis aló do crecemento: cultivando a creatividade colectiva para un futuro sostible, a ESEE-Degrowth 2024 celebrará o martes 18 de xuño a súa apertura no Pazo da Cultura, coa participación de investigadores de referencia no eido da economía ecolóxica e cun concerto do pianista Abe Rábade, centrado no seu proxecto Botánica. Nas seguintes xornadas, a actividade trasladarase á contorna do campus, desenvolvéndose as sesións plenarias, abertas ao público, nunha carpa na Illa das Esculturas. Estas, explicou Pansera, terán un formato de diálogo, reunindo académicos, activistas ou mesmo representantes públicos como “o responsable da creación da política pública de economía circular da Comisión Europea”, Hans-Christian Eberl. Xunto a investigadoras e investigadores de diferentes países, o evento contará, na súa clausura, coa participación de Carlo Buontempo, director do Servizo de Cambio Climático do programa europeo Copernicus.

Por outra banda, a Escola de Enxeñaría Forestal será a sede das sesións paralelas, nas que se insiren a presentación das comunicacións seleccionadas de entre o preto das mil propostas recibidas nesta edición, superando “todas as expectativas iniciais”, como destacan desde a organización. Ademais, na xornada previa, o luns 17 de xuño, terá lugar un simposio dirixido a alumnado de doutoramento.

Nos próximos días abrirase o prazo de inscrición para asistir á conferencia, tanto para os investigadores e investigadoras que presentarán traballos e que poderán apuntarse ata o 22 de abril, como para as persoas que acudan como oíntes, que poderán facelo ata o 6 de maio.

Máis aló da conferencia

O evento académico verase complementado, polas tardes, por un conxunto de actividades, gratuítas e dirixidas ao público xeral, en diferentes localizacións da cidade. Neste abano de propostas insírense obradoiros, presentacións de libros ou coloquios nos que participarán “grandes nomes”, como o científico e divulgador Antonio Turiel, quen falará “do futuro da enerxía”, explicou Pansera. Ademais, esta iniciativa dirixida a promover a participación cidadá verase precedida pola Primavera do Decrecemento, unha serie de actividades que se desenvolverán cada xoves, a partir de abril, e nas que se inserirán “obradoiros, charlas ou presentacións artísticas sobre o tema da transición ecolóxica”.

Por outra banda, no conxunto de accións que complementan esta conferencia insírese tamén o proxecto PostGrowth S.A., financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación. No marco desta iniciativa, estudantes de cinco institutos de Pontevedra desenvolverán investigacións centradas na transición ecolóxica e a cidade do futuro, cuxos resultados presentarán no Espazo Xove desta conferencia internacional.

Universidade de Vigo, 2024-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES