Notas de prensa

O CINBIO lanza a segunda edición de CinVigo, o festival científico que converte o centro da cidade nun gran laboratorio

Comeza a conta atrás para celebrar unha nova edición do festival científico CinVigo, organizado por segundo ano consecutivo polo CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, co propósito de converter as rúas e prazas de Vigo nun auténtico laboratorio, aberto a toda a cidadanía, e no que o alumnado de ensino medio será o protagonista.

Repetindo o lema ‘Ciencia na rúa’, durante a fin de semana do 20 e 21 de abril de 2024, o centro de Vigo acollerá este evento de divulgación científica que ofrecerá unha completa oferta de actividades ao público asistente, desde visitar os proxectos científicos que concursan na feira científica ata participar activamente noutras accións, como os obradoiros para público infantil ou unha xincana científica.

“O que pretendemos con esta iniciativa é trasladar á cidadanía o interese pola ciencia e fomentar que a cativada viva o proceso de investigación en primeira persoa, ademais de dar a coñecer a existencia na nosa cidade dun centro especializado en nanomateriais e biomedicina”, salienta Miguel Correa, director do CINBIO e integrante do comité organizador deste proxecto, financiado nesta ocasión pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia de Innovación.

Chamada á participación dos centros de ensino medio

Ao igual que sucedeu na pasada edición, a atracción principal de CinVigo será a feira científica, que contará coa participación de estudantes de Secundaria, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional, converténdose así en científicas e científicos por un día. En agrupacións dun máximo de catro estudantes, terán a oportunidade de amosar os seus proxectos científicos e ofrecer explicacións sobre os mesmos ao público que visite a feira ao longo da fin de semana.

Os proxectos participantes na feira serán seleccionados previamente por un comité científico formado por persoal do CINBIO a través dun concurso aberto a centros educativos de toda España, que impartan Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional. Será posible participar a través de tres niveis ou categorías que contarán con premios variados que inclúen unha matrícula universitaria de balde, a participación noutra feira científica ou unha estancia no CINBIO. O alumnado de Bacharelato e Ciclos Formativos poderá optar á categoría Teen Researchers, mentres que o estudantado de ESO poderá participar nas categorías Early Researchers ou Young Researchers, respectivamente. O alumnado seleccionado nesta fase previa, organizado en grupos de ata catro persoas e co apoio docente dos seus centros educativos, deseñará os seus propios proxectos científicos, que finalmente mostrará e defenderá ante o gran público.

O prazo para inscribirse no concurso previo está aberto ata o mércores 31 de xaneiro. Os centros educativos interesados nesta iniciativa poden consultar as bases do concurso así como o formulario de inscrición na páxina web do evento.

Primeira edición de CinVigo

A primeira edición do festival científico CinVigo, celebrado en abril de 2023, acadou unha participación de máis de 260 concursantes de 27 centros educativos de Galicia, que presentaron un total de 55 proxectos científicos, atraendo a máis de 35.000 visitantes nunha fin de semana.

“Nesta segunda edición queremos ampliar horizontes e chegar a máis centros educativos, tanto de Galicia como doutras comunidades”, explica Correa, quen engade que “o obxectivo é achegar a investigación a máis públicos e facer de CinVigo un evento científico anual de referencia”.

Universidade de Vigo, 2023-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES