Notas de prensa

Unha acción formativa Jean Monnet afondará no Pacto Verde Europeo

Do 24 de febreiro ao 5 de maio, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá a celebración da acción formativa 'Jean Monnet O Pacto Verde Europeo. Análise e perspectivas'. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea no marco deste documento, que guiará a acción ambiental no ámbito europeo nos próximos anos.

Ao longo de dez sesións, profesorado de distintas universidades españolas, especialistas nas respectivas materias tratadas, analizarán os seus principais contidos.

A iniciativa, que celebra a súa segunda edición, está coordinada por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris. Forma parte das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado pola propia Laura Movilla. Concretamente, o curso agora lanzado, do que se celebrarán en total tres edicións en anos consecutivos (2022, 2023 e 2024), constitúe a actividade formativa principal ofrecida por este módulo, aínda que tamén ao seu abeiro se porán en marcha outras actividades complementarias e dirixidas a público máis específico. As iniciativas desenvolvidas neste Módulo Jean Monnet comparten o mesmo obxectivo de dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea e as súas principais estratexias temáticas.

O Pacto Verde Europeo adoptado en 2019, explican desde a organización da actividade, representa “unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento que pretende transformar a UE nunha sociedade xusta e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non existan emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos”. Tamén pretende, engaden, protexer, conservar e mellorar o capital natural da UE e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e impactos relacionados co medio ambiente. “Esta transición debe ser, ademais, xusta e inclusiva”, afirma Laura Movilla, que lembra como esta estratexia está en evolución e non resulta allea ao impacto da pandemia da covid-19 ou ao conflito en Ucraína.

Modalidade presencial e en liña

En total serán dez as sesións que se desenvolverán desde o 24 de febreiro ata o 5 de maio nesta acción formativa Jean Monnet. Comezarán con sendas introducións á axenda global de medio ambiente e a sustentabilidade e á política e o dereito ambiental da Unión Europea. A programación seguirá abordando cuestións como o Pacto Verde Europeo, a política de augas da UE e a paisaxe; a protección e conservación da biodiversidade, a agricultura e o sistema alimentario e as enerxías limpas e mobilidade, construción e renovación sostibles. Tamén haberá tempo para achegarse a este pacto en relación coa política marítima integrada da UE; ao reto dunha UE climaticamente neutra en 2050 e a loita contra a contaminación e fomento da economía circular. As e os inscritos tamén terán a oportunidade de abordar desde diferentes disciplinas a este documento e o papel da UE como líder ambiental global.

As conferencias correrán a cargo de especialistas de diferentes disciplinas (principalmente de diversas áreas do dereito pero tamén da economía, a historia e a ecoloxía), procedentes das universidades de Vigo (Laura Movilla, Roberto O. Bustillo, Annina Burgin, Belén Sánchez, Luís Domínguez, Emilio Fernández e Alberto Vaquero); Murcia (Teresa M. Navarro); Valladolid (Sara García); e Barcelona (Mar Campins).

Aínda que aberta ao público interesado, a formación está especialmente dirixida a alumnado da Universidade de Vigo, sendo de especial interese para o alumnado das titulacións de Dereito, Relacións Internacionais e Ciencias Ambientais e profesionais do ámbito xurídico e ambiental. Como novidade nesta segunda edición, mantense a modalidade presencial (obrigatoria para o alumnado do campus de Ourense) na Facultade de Dereito pero ponse en marcha tamén a modalidade en liña a través do Campus Remoto da UVigo, posibilidade aberta ao público xeral. O prazo de inscrición, que é de balde, está aberta ata o 22 de febreiro, estando o número de prazas limitado a 45 para cada modalidade (que se cubrirán por orde de inscrición).

Universidade de Vigo, 2023-01-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES